A medición do mundo
Kehlmann, Daniel
Na Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, que Editorial Galaxia publica en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, sae á luz a novela A medición do mundo, de Daniel Kehlmann, un dos autores alemáns máis brillantes das últimas xeracións. Deste xeito, chegan aos lectores galegos as novidades literarias europeas ao mesmo tempo que se publican no resto de Europa.
Daniel Kehlmann describe cun sutil toque de humor a vida de dous xenios, as súas ansias e debilidades, os seus paseos pola raia fina que separa a ridiculez da grandeza, o éxito do fracaso. A medición do mundo é un requintado xogo de feitos e ficcións, unha novela de aventuras de extraordinaria fantasía, forza e interese. A historia de dúas aventuras vitais que acabarían por determinar a nosa maneira de entender o mundo.
Contra a fin do século XVIII, dous científicos alemáns emprenden a tarefa de medir o mundo. Un deles, o xeógrafo Alexander von Humboldt, logo de partir en barco desde a cidade da Coruña, ábrese paso pola selva e a estepa, navega polo Orinoco, proba no propio corpo os efectos dos velenos, métese no interior de covas, escala volcáns, encontra monstros mariños e tópase con antropófagos. O outro, o matemático e astrónomo Carl Friedrich Gauss demostra, sen moverse da súa casa de Göttingen, que o espazo é curvo. De vellos, xa famosos e tamén unha miguiña excéntricos, encóntranse os dous no Berlín de 1828. Pero aínda non ben descendeu Gauss do seu coche de cabalos e xa se ven ambos e dous enredados no tumulto político que segue á caída de Napoleón.
A medición do mundo acadou xa en Alemaña os 769.000 exemplares vendidos e vaise traducir a 35 linguas.
|
 |

| Editorial: Galaxia |
 |
Colección: Biblioteca Compostela de Narrativa Europea
|
 |
| 324 páx. |
 |
| Rústica con lapelas |
 |
|
PVP:
19.90 €
|
 |
| ISBN: 978-84-8288-952-8 |
 |
| Data publicación: novembro 2006 |
 |
| 1ª Edición |
 |
| Tradución de Patricia Buján Otero |
|
|
 |
Outros libros de Biblioteca Compostela de Narrativa Europea
- Anterior: A pensión Eva
- Seguinte: Non me deixes nunca
Outros libros de Kehlmann, Daniel
- Seguinte: A fama. Novela en nove historias
Recomendacho ...
- Manuel Gago
 |
 |