Primeiras edicións e nacemento de Grial
Antífona da cantiga foi o primeiro libro
editado por Galaxia O antecedente de Galaxia haino que buscar no «Suplemento del Sábado» do xornal compostelán La Noche, iniciativa que, por encargo de Xosé Goñi Aizpurua, comezou a publicarse en setembro de 1949 e que durou ata xaneiro de 1950, baixo a dirección de Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto. O 7 de xaneiro morría Alfonso Daniel R. Castelao en Bos Aires. No «Suplemento» de La Noche, suspendido axiña pola Administración franquista, empezan a colaborar moitas das persoas que logo configurarán o fondo intelectual de Galaxia.
O primeiro libro da editora foi Antífona da cantiga (1951), de Ramón Cabanillas. Simbolicamente empatábase coa tradición anterior á Guerra Civil, os autores da Xeración Nós, figuras sobranceiras do novo rexurdimento nas primeiras décadas do século XX. Pero a vocación do proxecto era máis ambiciosa: recuperar para a lingua galega a súa significación histórica e o seu valor cultural tanto na creación coma na transmisión do pensamento.
En 1951 comezan a publicarse os Cadernos Grial, coa idea de desenvolver unha revista de cultura. A Dirección Xeral de Prensa e Propaganda prohibiu a súa continuidade, que non se logrou ata o ano 1963. Dende entón, Grial acode puntualmente á súa cita cos lectores e constitúe a plataforma de expresión máis dinámica da editora. Os seus primeiros directores foron Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro. Dende 1989 a 2002 dirixiuna Carlos Casares, que tamén se fixo cargo da dirección xeral de Galaxia (1985) ata o seu pasamento (2002). Na actualidade, asumen esta responsabilidade Víctor F. Freixanes (director xeral da empresa editora logo da morte de Carlos Casares) e Henrique Monteagudo.
Na presidencia do Consello de Administración de Galaxia sucedéronse dende a súa fundación intelectuais da significación de Ramón Otero Pedrayo (1950-1976), Domingo García-Sabell (1976-1980), Marino Dónega (1980-1996) e Xaime Isla Couto (actual presidente).
Fronte ao nacionalismo español, pechado e uniformizador, e fronte as actitudes antieuropeas do réxime franquista, Galaxia propiciou sempre unha visión de Galicia como país europeo con personalidade cultural propia e cun idioma apto para as máis variadas áreas do saber. Entre outras iniciativas, en 1956, Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega traduciron ao galego Da esencia da verdade, de Martin Heidegger, cun limiar do filósofo alemán escrito especialmente para esta edición.
|
 |
 |
 |
 |
 |