Os Séculos Escuros
Martín Sarmiento foi o primeiro
precursor da recuperación da lingua
galega Denomínase "Séculos Escuros" o período comprendido entre a decadencia cultural do idioma galego contra fins do século XV e o Rexurdimento literario do XIX. Galicia perde poder político, intégrase no novo Estado que xorde da alianza matrimonial das coroas de Castela e de Aragón (os Reis Católicos, Isabel e Fernando) e inicia un longo período de silencio. O idioma fica reducido aos ámbitos populares, labregos e mariñeiros, fóra dos circuítos da cultura dominante: o libro, o humanismo e a universidade.
"Houbo un tempo", escribía o marqués de Santillana no século XV, na súa Carta proemio ao condestable don Pedro de Portugal, "en que todos os poetas destas terras, fosen casteláns, andaluces ou de Estremadura, compoñían as súas obras en lingua galega ou portuguesa".
Galicia perde a memoria dos vellos textos. Só algúns autores illados, composicións case sempre de circunstancias, cultivan a lingua neste período: Isabel Castro de Andrade, Xoán Gómez Tonel, Pedro Vázquez de Neira..., ademais dalgúns textos anónimos, cancións de inspiración popular, documentos gremiais e algunha correspondencia.
Son os Ilustrados, no século XVIII, quen de novo chaman a atención da lingua galega como lingua a considerar (non simple dialecto): Cornide Saavedra, Diego Antonio Cernadas y Castro e, sobre todo, o padre Martín Sarmiento. Este último considérase de feito o primeiro precursor da recuperación da lingua, "filla do latín, nai do portugués", que cultivou literariamente e, por primeira vez, reivindicou o seu ensino na escola galega.
|
 |
 |
 |
|
 |