O Blog de Editorial Galaxia
Feb 9

Tosar sería un bo Leo Caldas

Autor: administrador | | Tags: , | Categorías: Revista de prensa | Deixa un comentario

A suxestión faina Domingo Villar dende as páxinas de La Voz de Galicia de onte, entrevistado por Nacho Mirás Fole.

Podes ler a conversa completa co autor de A praia dos afogadosaquí.

Feb 9

‘Jan estivo alí’ na Casa do Libro de Vigo

Autor: administrador | | Tags: , | Categorías: Librerías | Deixa un comentario

Así de fermoso é o espazo que prepararon, dende a Casa do Libro de Vigo para a nova historia de Xosé A. Neira Cruz, Jan estivo alí, co que inauguramos a colección Árbore Arte.

Nunca cansaremos de agradecer aos libreiros o labor esencial que cumpren na promoción e defensa dos nosos produtos culturais.

Parabéns e moitas grazas!

Feb 9

Con Francisco Castro

Autor: administrador | | Tags: , | Categorías: Revista de prensa | Deixa un comentario

Así titulan dende ese blog indispensable que é Trafegando Ronseis, a crónica da visita, a semana pasada, do escritor Francisco Castro ao Instituto do Carballiño onde alumnos de 1º e 2º da ESO parolaron con el arredor da novela, que todos leron, Chamádeme Simbad. Incluso o escritor se disfrazou, grazas a eles e a elas, de pirata!

A crónica, cunha interesante fotogalería, aquí.

Feb 9

UN TIPO LISTO 18 (por Xosé Monteagudo)

Autor: administrador | | Tags: , | Categorías: Balcón de libros | Deixa un comentario

Estrutura. Se os personaxes e o estilo definen o carácter dun relato ao nivel temático, a estrutura conforma a imaxe que proxecta. O pouso que deixa no lector unha novela creo que ten moito máis que ver coa súa estrutura que coa acumulación de informacións que comporta o relato. Evidentemente, falo da estrutura nun sentido amplo, que inclúe a maneira na que ao lector se lle suministran os datos dunha historia. A impresión que esa historia nos deixa vén determinada pola sorpresa que nos provocou en cada instante descubrir os feitos máis que polos feitos en si mesmos. Os feitos non son case nunca orixinais (e menos se se trata dunha historia realista). A maneira e o detalle co que están contados e mesturados ten que selo necesariamente para que a novela non sexa unha acumulación de tópicos. Escoller a maneira e o detalle ten moito que ver coa visión persoal que o autor ten da realidade que describe. Por iso cando leo unha novela non estou lendo simplemente unha historia. Máis ca iso, estou coñecendo con toda a sutileza a concepción vital, intransferible, que ten o seu autor.

Feb 8

A fotografía de Blanco Amor en Poio

Autor: administrador2 | | Tags: , | Categorías: Exposicións | Deixa un comentario

A exposición A OLLADA DO DESEXO. Obra fotográfica 1933-1973 , que reúne boa parte das fotografías realizadas por Eduardo Blanco Amor, poderase visitar dende mañá e ata o 3 de marzo no Casal de Ferreirós. O acto de inauguración terá lugar mañá martes 9 de febreiro, ás 20.30 h, e contará coas intervencións de Silvia Díaz Iglesias, concelleira de cultura de Poio, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, e Luciano Sobral Fernández, Alcalde de Poio.

Feb 8

UN TIPO LISTO 17 (por Xosé Monteagudo)

Autor: administrador2 | | Tags: , | Categorías: Xeral | Deixa un comentario

Dicotomía. No tipo de novela realista que eu escribo, sempre se produce unha dicotomía persoal durante o proceso creativo. Por unha banda, non podo obviar o que unha novela ten de artefacto imaxinativo, artellado coa ferramenta máis libre e versátil, que é a lingua. Todo canto quero dicir pasa pola peneira do ritmo e do estilo, voa nas formas acústicas das frases. Pero por outra banda, a información que proporciono ha de ter unha firme ancoraxe referencial na realidade empírica que o lector coñece. Para iso preciso deglutir os datos obxectivos que hei de necesitar, de xeito que estando implícitos, non desautoricen nunca a historia que a trama desenvolve. Como escritor debo loitar sempre contra os dous grandes perigos que comporta a información que configura a novela. Un é o de caer no tópico, presentándolle ao lector unha historia consabida, na que todo o que se conta forma parte da realidade exacta que el xa coñece de antemán. O seu contrario é o de achegar un exceso de información específica sobre a realidade retratada que remate por afogar a historia. Consciente de cales son os dous perigos, procuro sempre fuxir de un tanto como do outro.

Feb 5

A versatilidade da poesía nas aulas

Autor: administrador | | Tags: , | Categorías: Críticas literarias | Deixa un comentario

Así titula Xavier Castro Rodríguez un entusiasta comentario arredor da saída do novo libro de Antonio García Teijeiro, A poesía necesaria, e que publicou o pasado día 30 nas páxinas do xornal Galicia-Hoxe.

Podes ler a crítica completa aquí.

Feb 5

O Salón do Libro homenaxea a Agustín Fernández Paz

Autor: administrador | | Tags: , | Categorías: Xeral | Deixa un comentario

Dará comezo este domingo e estará aberto ata o 14 de marzo

Do 7 de febreiro ao 14 de marzo desenvolverase en Pontevedra a nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que lle renderá homenaxe ao escritor vilalbés Agustín Fernández Paz.
No acto, que terá lugar o 13 de marzo no Auditorio do Pazo, intervirá o escritor Xabier P. Docampo e actuarán os músicos Mini e Mero.
Dentro das moitas actividades do Salón, destacan outros actos como a lectura colectiva en homenaxe a Anisia Miranda ou conferencias como a que impartirá Inma López Silva o mércores 10 de febreiro baixo o título “Nova York coma cidade con luz”.

Feb 5

Galegos da Arxentina

Autor: administrador | | Categorías: Xeral | Deixa un comentario

Novas xeracións de estudosos e creadores incorpóranse ao interese pola cultura galega

 

Dende que Alberto Vilanova publicou en 1966 Los Gallegos en la Argentina (Edicións Galicia), achega en dous volumes á presenza histórica de galegos e descendentes de galegos á construción da república austral, algo choveu. Nos anos 40 do pasado século calculábase en case medio millón de galegos só na cidade de Buenos Aires, bastante máis ca en calquera das cidades de Galicia naqueles momentos. Nesa época a cultura galega resistía e desenvolvíase da outra beira do océano: Castelao, Luis Seoane, Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste, Neira Vilas, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Emilio Pita, Suárez Picallo…

María Rosa Lojo, Marina Guidotti e Ruy Farías publicaron na Fundación Barrié (2008) un importante traballo de investigación sobre a significación da colectividade galega naquel país: Los “gallegos” en el imaginario argentino. Analizan a aportación da comunidade galega a aquel país e a visión que os arxentinos teñen “dende fóra” dos galegos, que xunto cos italianos e os xudeos son as grandes etnias constitutivas daquela nación americana.

 

De María Rosa Lojo, unha das grandes novelistas galegas na Arxentina, ademais de investigadora social, publicamos en Galaxia o seu libro A fin da terra (Literaria, 2006) e preparamos para este ano un album ilustrado, da man da súa filla Leonor Beuter, que se titulará O libro das seninguais e do único senigual.

Ruy Farías traballa na historia da emigración e dirixe na actualidade o departamento de documentación histórica da Federación de Sociedades Arxentinas.

Non son os únicos galegos ou descendentes de galegos que activan culturalmente a colectividade porteña. Dende os salóns do café Tortoni, Débora Campos e Andrea Cobas promoven os encontros literarios da avenida de Maio, con importante afluencia de interesados na literatura galega. No Centro Galicia e no Colexio Apóstolo Santiago (cunha matrícula de medio milleiro de alumnos e alumnas) a actividade cultural e educativa xira asemade arredor de Galicia, e outrosí no histórico Instituto Arxentino da Cultura Galega, na sede do Centro Galego na avenida Belgrano.

Son algúns casos. Recentemente La Voz de Galicia dedicou algunhas páxinas á actividade destes autores, que o interesado pode visitar nestas cinco páxinas ( 1 2 3 4 5 ), proba de que Galicia e a cultura galega vive mesmo alén das súas fronteiras.

Feb 5

DAVID PINTOR NA ‘GALERÍA DE ARTE’

Autor: administrador | | Tags: , , | Categorías: Galería de Arte | 1 Comentario

Hoxe traemos parte do traballo de David Pintor, á nosa Galería de Arte.

Recentemente, ilustrou para a nosa editorial dous ‘Duros’: O serrote do Gil e Os oficios de Chuquelo.

Podes acceder á Galería dende aquí.

A opinión de

    Luis Rei

    04/02/10

    Luis Rei
    Borrador do galego

    Iso de que a xente do común non entende de técnicas literarias é un falso tópico. Todo o contrario. Algareadas día e noite as neuronas do pobo pola propaganda comercial e política, a nosa materia gris aprendeu a deconstruír e peneirar as mensaxes recibidas e tamén a crear contradiscursos que nada teñen que envexar, tocante a capacidade de filigrana estilística, á retórica oficial. Un bo exemplo para ilustrar o dito e para evidenciar que non hai eufemismo, elipse ou metonimia que confunda a ninguén, atopámolo no debate sobre os depósitos para os refugallos nucleares: os detractores chámanlle “cemiterio nuclear” e os seareiros “Almacén Temporal Centralizado”, pero como uns e outros saben exactamente que é o que están nomeando, finalmente só se presentan como candidatos ao cancro atómico lugares que xa o teñen enriba ou algúns que, estando agoniantes doutros males, berran aquilo de “morra Marta, morra farta”.

    Esta tese fica científica e rigorosamente demostrada co seguinte experimento: se buscamos en Google “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”, así, entre aspas, atoparemos arredor de vintecinco mil resultados; sen embargo, se pesquisamos por “borrador do galego” as referencias andan polo medio millón… “Borrador do galego”: eis unha xoia literaria de creación colectiva, un sintagma preciso e nidio, un xenial compendio metafórico sobre a verdadeira filosofía de fondo do tal documento. A xente fai “maghas” co idioma. E a xente non se “borra” cun decreto.

Os artigos de

Tamén podes ler

Revista de prensa

A recomendación de...

Tomás Ruibal

Sardinia Blues

Arquivos

Temas


Útimos Posts


Últimos Comentarios

O Blog de Editorial Galaxia RSS Feed