Presentación do libro “Do que estou a falar cando falo de correr”, de Haruki Murakami
Autor: administrador | | Tags: do que estou a falar cando falo de correr, haruki murakami | Categorías: Novidades |
Hoxe, ás 20 horas no Casino de Santiago presentaremos unha das grandes obras do ano. No acto participarán Ubaldo Rueda, director do Casino e Víctor F. Freixanes, director de Galaxia.
Do que estou a falar cando falo de correr é un fito en si mesmo para a nosa lingua e para o noso sistema literario na medida en que a edición en galego aparece nas librerías antes que a versión en castelán.
Haruki Murakami é un dos autores que máis venden e con máis predicamento en todo o mundo na actualidade. Neste libro aborda as súas experiencias como corredor de maratóns ao tempo que reflexiona sobre a súa condición de novelista.
Haruki Murakami, nado en Quioto no ano 1949 antes de dedicarse á literatura rexentaba un club de jazz, que deixou aos trinta anos, en 1979, para dedicarse por completo á literatura e á paixón de correr. Desde aquela, deu ao prelo obras admiradas en moitos países e en moitas linguas como “Tokio blues”, “Kafka na beiramar” ou “Tras o solpor”, tamén publicada na nosa editorial e con éxito unánime de público e crítica.


