O Blog de Editorial Galaxia
Nov 10

Galaxia publicará 50 eBooks antes de fin de ano

Autor: administrador | | Categorías: Xeral |

O libro galego no século XXI

Editorial Galaxia porá no mercado dixital 50 títulos da literatura galega antes de fin de ano. Trátase dunha primeira fase dun proxecto que ao longo do ano 2010 irá incorporando ao libro electrónico o catálogo completo da editorial (1500 títulos aproximadamente), tanto de autores clásicos como contemporáneos. En colaboración con Publidisa, e na mesma liña estratéxica que iniciou hai un ano con Google Books, Galaxia desenvolverá no próximo ano a primeira librería dixital do libro galego: descargas para eBooks e noutras plataformas.
Editorial Galaxia sigue así avanzando no seu compromiso de normalización do idioma galego e de incorporación da sociedade galega ao século XXI. A editora vén de asinar con Publidisa, a maior plataforma de eBooks do estado, un acordo para poñer a venda nese formato unha boa parte do seu catálogo.
Este salto cualitativo no seu proxecto editorial é consecuencia doutras accións nas que Galaxia está mergullada dende hai anos. O primeiro paso foi poñer á venda en formato dixital a revista GRIAL, a cal desde o mes de xuño pode descargarse accedendo ao portal do Quiosco Dixital de ARCE (Asociación de Revistas Culturais de España). Os dous últimos números xa saíron ao mesmo tempo en papel e en dixital. Desde a web da editorial tamén se poden descargar gratuítamente algunhas partes da revista: o sumario, a carta do editor e algúns artigos.
Así mesmo, a editorial forma parte do Proxecto Enclave, que promove a Biblioteca Nacional para dixitalizar obras de editoriais españolas suxeitas a dereitos de autor. A partir do 30 de novembro e desde a Biblioteca Dixital Hispánica van poder mercarse en formato dixital 1.350 obras de noventa editoriais. Cada unha delas aportará un máximo de vinte títulos. O usuario poderá acceder a estas obras a través da páxina web da Biblioteca, na que ademais dunha ficha con datos como a capa do libro, o sumario, índice e páxinas seleccionadas polo editor para a súa descarga gratuíta, se atopan rexistradas todas as palabras do libro, as cales poden ser consultadas polos usuarios. Editorial Galaxia ofrecerá obras de Otero Pedrayo, Blanco Amor, Fole, Risco, Cunqueiro, García Sabell e Francisco Fernández del Riego.
E agora, para este Nadal, Galaxia ten previsto poñer á venda para a súa descarga en lectores dixitais arredor de 50 títulos, entre os que se atopan autores clásicos e actuais. Polo seu significado simbólico o primeiro libro será A ESMORGA, que este ano cumpre o seu 50 aniversario, e o seguinte será A NOITE DO MOUCHO, título inédito de Anxo Rei Ballesteros que a editorial vai poñer á venda nos próximos días tamén en formato papel.
Editorial Galaxia, logo de contar coas correspondentes autorizacións dos autores, irá poñendo á venda paulatinamente eses títulos, os cales estarán dispoñibles desde a plataforma de e-books de Publidisa, e desde os portais das librerías afiliadas a Publidisa: El Corte Inglés, La Casa del Libro, e desde outras librerías dixitais como Gandhi ou Librería de la U, de Colombia.
Ao mesmo tempo, Galaxia está traballando para convertir a súa web de venda de libro físico nunha tenda totalmente renovada para a distribución e comercialización tamén de libro electrónico, na que se podan ofertar os seus propios libros pero tamén os daquelas editoras que Galaxia distribúe. Desde aí poderán igualmente mercarse exemplares individuais de libros esgotados que forman parte do catálogo histórico da editorial. Todos estes materiais dixitais ofrécense en formato PDF protexido, de tal xeito que é imposible a súa copia, garantindo así os dereitos dos autores e autoras fronte ás reproduccións ilegais.
Editorial Galaxia aposta deste xeito polos novos soportes e formas de comercialización e distribución de contidos achegando a máis antiga editorial galega ao século XXI.

Deixa unha réplica

Debes cubrir o campo de texto coas letras e numeros aqui expostos: primeiro un 2 o seguinte e un 7 agora M a continuacion un 7 despois pon a  F

A opinión de

    Tino Santiago

    30/07/10

    Tino Santiago
    Onde chega a TV

    Onde chega a TV as cousas non volven ser como antes. Por exemplo, a natalidade diminúe, o que é unha condición indispensable para o desenvolvemento. Un Ministro de Familia da India asegurou que era o mellor método anticonceptivo porque : “cando acaben as series, estarán demasiado cansos para manter relacións sexuais”. O certo é que a natalidade baixaba pero non por esgotamento senón por imitación: as “heroínas” das series teñen poucos fillos, moitas estudan e mesmo mandan en empresas.
    As veces onde chega a TV medran as reivindicacións de igualdade entre mulleres e homes; foi o caso da serie turca Noor: a trama xiraba ao redor da historia dun matrimonio novo no que o home apoiaba as aspiracións profesionais da muller. Mesmo onde chega a TV, as veces, hai menos posibilidades de comezar unha guerra; en Irán o mellor aliado da paz con Israel foi “Un xiro de 0 graos” que contaba a historia dunha especie de Schindler, que lles daba pasaportes aos xudeus para poder escapar.
    A TV é un monstro con moitas caras, unhas abominables pero outras moitas axudan a cambiar o mundo… para ben.

Os artigos de

Tamén podes ler

Revista de prensa

A recomendación de...

Héitor Mera

Por que non aprendo?

Arquivos

Temas


Útimos Posts


Últimos Comentarios