O Blog de Editorial Galaxia
Nov 11

Xa é posible descargar os dous primeiros eBooks de Galaxia

Autor: administrador | | Categorías: Xeral |

‘A Esmorga’ e ‘A noite do moucho’ primeiros títulos no novo formato

O futuro non é mañá. O futuro é hoxe.

Despois do anuncio que fixemos onte no que informabamos de que a nosa editorial ofrecerá medio cento de títulos antes de fin de ano, e outros tantos durante o 2010, ata chegar á completa distribución dixital de todo o seu catálogo, xa é posible, dende a páxina principal de Publidisa (www.todoebook.com) a descarga dos dous primeiros títulos escollidos pola nosa editorial.
Obviamente, ‘A esmorga’ de Eduardo Blanco Amor, pola súa carga simbólica, e máis neste intre de celebracións polo seu medio século de vida, tiña que ser un dos primeiros. E case que se pode dicir o mesmo do libro do chorado Anxo Rei Ballesteros, quen verá así á luz ao mesmo tempo que en papel.
Dende hoxe mesmo, e dende a páxina da distribuidora Publidisa, ler eBooks do noso catálogo xa é posible. O usuario só ten que acceder á páxina web e, dende alí, seleccionar a nosa editorial e, seguindo os pasos, facer a súa descarga. Tamén é posible dende as librerías asociadadas, como El Corte Inglés, La Casa del Libro, e desde outras librerías dixitais como Gandhi ou Librería de la U, de Colombia. Esta aposta vén completar outras como a descarga dende o Quiosco Dixital de ARCE (http://revistasculturales.publidisa.com) da revista GRIAL, presente neste formato dende o pasado mes de Xuño.
Desta maneira, a Editorial Galaxia continúa co mandado dos fundadores, cando no ano 1950 decidiron apostar pola modernidade dunha lingua e dunha cultura que necesitaba ter presenza visible e real no universo do século XX. Hoxe, instalados con forza no XXI, a nosa editorial fornece á cultura de títulos para ler neste novo formato que nos trae un futuro que xa é presente e no que, Galicia, vai ter, coma sempre, moito que dicir.

3 Respostas de “Xa é posible descargar os dous primeiros eBooks de Galaxia”

  1. 1
    Víctor F. Freixanes:

    Compañeiros e compañeiras, lectores e lectoras, amigos e amigas do libro e da cultura galega: estamos no principio dun novo tempo. De nós depende que saibamos aproveitalo. Parabéns aos compañeiros de Edicións Xerais de Galicia, que inician tamén esta andaina. Antes de final de ano a literatura galega terá máis de medio cento dos seus títulos máis representativos nestes novos soportes.

  2. 2
    Eduardo Pondal:

    Queridos editores: Todo esto está moi ben, pero cantos galeguimos están preparados para esta viaxe? Non estaremos poñendo o carro dediante dos bois? Digo eu. E que diría don Eduardo -o Blanco Amor, non o meu- se erguese a cabeza? Gustaríalle seguro.

  3. 3
    Eva Carpente:

    Seguro que don Eduardo estaría contento de que coas novas tecnoloxías non se deixe de lado a cultura, os libros -novos e vellos- para nada merma a calidade da lectura facelo nunha pantalla ou nunha folla de papel. Sempre ma vai acariñar o cheiro dun libro en papel, sempre gardarei os libros de ahi anos, pero tamén lerei os novos libros cibernéticos, agasallarei aos meus netos. Andaremos cos tempos.

Deixa unha réplica

Debes cubrir o campo de texto coas letras e numeros aqui expostos: primeiro un s a continuacion un V a continuacion un U o seguinte e un t agora un w a continuacion un 4 agora c

A opinión de

    Luis Rei

    04/02/10

    Luis Rei
    Borrador do galego

    Iso de que a xente do común non entende de técnicas literarias é un falso tópico. Todo o contrario. Algareadas día e noite as neuronas do pobo pola propaganda comercial e política, a nosa materia gris aprendeu a deconstruír e peneirar as mensaxes recibidas e tamén a crear contradiscursos que nada teñen que envexar, tocante a capacidade de filigrana estilística, á retórica oficial. Un bo exemplo para ilustrar o dito e para evidenciar que non hai eufemismo, elipse ou metonimia que confunda a ninguén, atopámolo no debate sobre os depósitos para os refugallos nucleares: os detractores chámanlle “cemiterio nuclear” e os seareiros “Almacén Temporal Centralizado”, pero como uns e outros saben exactamente que é o que están nomeando, finalmente só se presentan como candidatos ao cancro atómico lugares que xa o teñen enriba ou algúns que, estando agoniantes doutros males, berran aquilo de “morra Marta, morra farta”.

    Esta tese fica científica e rigorosamente demostrada co seguinte experimento: se buscamos en Google “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”, así, entre aspas, atoparemos arredor de vintecinco mil resultados; sen embargo, se pesquisamos por “borrador do galego” as referencias andan polo medio millón… “Borrador do galego”: eis unha xoia literaria de creación colectiva, un sintagma preciso e nidio, un xenial compendio metafórico sobre a verdadeira filosofía de fondo do tal documento. A xente fai “maghas” co idioma. E a xente non se “borra” cun decreto.

Os artigos de

Tamén podes ler

Revista de prensa

A recomendación de...

Tomás Ruibal

Sardinia Blues

Arquivos

Temas


Útimos Posts


Últimos Comentarios