O Blog de Editorial Galaxia
Dec 11

As razóns do galego 7 (por Henrique Monteagudo)

Autor: administrador | | Tags: , | Categorías: Balcón de libros |

Apoloxía da verdade

Cando o famoso affaire da entrevista en Vieiros, critiquei eu as posicións catastrofistas dos que alardean (si, alardean) de que o galego experimentou unha evolución calamitosa nas últimas décadas. E critiqueinas non por outra cousa que por careceren dun fundamento empírico nos datos máis fiables que temos ao noso dispor. O que me sorprendeu moito foi que o entrevistador reaccionase preguntándome se, caso de ter eu razón e eses datos non seren tan malos como os catastrofistas aseguran, non sería esta ‘unha verdade inconveniente’, que podería prexudicar a defensa do galego, e por tanto, sobreentendíase, fora mellor silenciar.

A isto ofrecinlle dúas respostas. Primeiro, na miña opinión é bo que a xente saiba que a evolución do galego non foi tan mala, pois entre outras cousas demostra que pode mellorar; dito doutro xeito, que a catástrofe non é inevitable, que podemos intervir para mudar o fado do idioma. Pola contra, insistir no pésimo que van as cousas pode ser entendido como un convite precisamente ao pesimismo, ao desánimo e, en definitiva, ao fatalismo e o abandono.

Segundo, dixen, eu son profesor, dou clases de sociolingüística; xa que logo, por elementais razóns de ética profesional teño que aterme á verdade, aínda que esta fose inconveniente. Pois ben, aínda que resulte difícil de acreditar, houbo algúns comentaristas (máis ben do sector energúmeno) que manifestaron ou a súa incomprensión ou directamente o seu desprezo, mesmo pitorreo, por este argumento. Quedei abraiado. Será posible que haxa xente que teña tan pouco respecto pola verdade? Haberá quen pense que se pode defender seriamente o galego enganando a cidadanía? Como dirían na miña terra, amodo ho! Ou, se o queredes en inglés, It’s hard to believe…

Deixa unha réplica

Debes cubrir o campo de texto coas letras e numeros aqui expostos: primeiro un X agora 4 agora un t agora un 4 despois pon a  f despois pon a  k

A opinión de

    Manuel Portas

    07/09/10

    Manuel Portas
    Xerar xenreira

    Non é fácil comprender, se non é por inconfesábeis principios antigalegos de quen exerce o poder, que sexa a propia administración autonómica a que propicie para este principio de curso tal volume de crispación arredor dos usos lingüísticos no ensino. A relativa pax romana que se viviu até agora nos centros educativos, a pesar dos flagrantes incumprimentos lexislativos no uso do idioma propio, dá paso nesta nova etapa a un escenario de confrontación que para nada lle acae a esa normalidade que precisa o ámbito escolar e, moito menos, a que lle cómpre a unha das linguas, a nosa, que, en palabras dos textos legais, precisa de especial coidado e atención.

    Se ao que acontece no ensino lle sumamos as restricións nas políticas de promoción e edición do libro en galego, ou os recortes nas axudas aos medios de comunicación expresados no noso idioma, as cousas manteñen unha liña coherente: erosionar os ámbitos de expansión normalizadora é o obxectivo; xerar xenreira, o medio.

     

Os artigos de

Tamén podes ler

Revista de prensa

A recomendación de...

Antonio Mandianes Lamas

A poesía necesaria

Arquivos

Temas


Útimos Posts


Últimos Comentarios